viernes, 16 de noviembre de 2007

Presentación de Ulises a Zampamonstros

Esta noite terá lugar na cidade de Vigo a presentación do filme “Ulises a Zampamonstros” na que colabora a asociación Alifáfaro. O proxecto recibiu nas axudas do 2007 da Axencia Audiovisual Galega a cantidade de 50.000 euros, dun orzamento total de 200.000 euros para a súa realización.
O filme, do que é directora e guionista Nerea Castro Vicente contará para o seu desenvolvemento co apoio da produtora viguesa Deboura. Esta noite presentarase a súa páxina web, ademais do inicio da rodaxe que vaise levar a cabo en dúas fases. A primeira consistirá en crear os correspondentes efectos especiais mediante ordenador para conseguir escenas que non se poden realizar por medios normais ou que a súa creación é demasiado cara ou perigosa. Para lograr os resultados requiridos utilizaranse programas como o XSI Softimage, empregado nas mellores superproducións cinematográficas.
No transcurso da última semana de febreiro e as tres primeiras semanas de marzo do vindeiro ano iniciarase a rodaxe do filme en HD xa coa presenza dos actores que darán vida ás personaxes desta historia. Unha historia que, tomando como punto de partida os vertidos tóxicos arroxados na fosa atlántica no ano 1981 polo goberno de Margaret Tatcher, denunciará o continuo risco de hecatombe ecolóxica ao que está exposta Galicia.
Esta axuda da Consellería de Cultura da Xunta pensada, ademais con éxito salientábel, para permitir o acceso de novos realizadores ao ámbito cinematográfico, non permite en cambio polas duras condicións do mercado unha difusión fóra da dos circuítos alternativos. A Zampamonstros, nun caso de verdadeira fortuna, vai ser distribuída en DVD en EE. UU. grazas ao contrato que Deboura conseguiu asinar no último mercado da televisión de Cannes cunha distribuidora americana especializada no xénero fantástico e de terror.


No hay comentarios: